Saturday 04 de May de 2024

A Xunta informa ao concello de Cariño do procedemento para instalar gaiolas-trampa para o xabaril no núcleo urbano do municipio


— A directora xeral de Patrimonio Natural respondeu onte a un escrito da alcaldesa no que se interesaba pola posibilidade de recorrer a este método de captura ante a presenza de exemplares deste animal en certos puntos do municipio

— A responsable autonómica trasládalle á rexedora tamén as accións adicionais e complementarias ás que se poderá recorrer no seu municipio tras a entrada en vigor desde hoxe da declaración de emerxencia cinexética en toda a comarca de Ortegal

A Xunta de Galicia informou onte ao Concello de Cariño do procedemento habilitado este ano pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de colaborar con aqueles concellos que así o soliciten na captura de xabarís en zonas urbanas e periurbanas mediante a instalación de gaiolas-trampa.
En resposta a unha comunicación remitida pola alcaldesa de Cariño amosando o seu interese pola posibilidade de instalar capturadoiros nas zonas do núcleo urbano nas que se concentran estes animais, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicoulle os pasos a seguir para poder acollerse a este procedemento, así como as tarefas e trámites que asumiría a Xunta no marco desta liña de colaboración.
En concreto e tal e como se detalla no escrito, a responsable autonómica indicou que unha vez recibida a solicitude por parte do concello a través da sede electrónica da Xunta, activarase un operativo para a instalación das gaiolas nos lugares indicados previamente pola Administración local, que deberá ocuparse tamén da xestión das posibles capturas que se realicen mediante este método.
O departamento autonómico, pola súa parte, asumirá con fondos propios a adquisición, transporte, colocación e vixilancia dos capturadoiros, incluído o seu mantemento e cebado para atraer aos animais, ademais de tramitar as preceptivas autorizacións de excepción á normativa vixente, imprescindibles para poder instalar as gaiolas.
Esta medida, en todo caso, terá que vir reforzada e complementada con outras accións que reduzan as condicións de refuxio e encame que atopan os xabarís nestas áreas urbanas e periurbanas, principalmente a través da roza de matogueira en terreos rústicos e urbanos por parte da administración competente.
Neste sentido, do Campo lembra na súa resposta que onte mesmo se dirixiu á Fegamp para trasladarlle, unha vez máis, a necesidade de que as entidades locais, no marco das súas competencias, asuman e executen este tipo de medidas nos seus respectivos municipios, co fin de reducir as posibilidades de encame que poden atopar os xabarís nestas zonas.
Así mesmo, lembroulle tamén que hoxe entra en vigor a declaración de emerxencia cinexética polo xabaril en 37 comarcas galegas, entre elas, a de Ortegal, da que forma parte Cariño. Esta medida facilitará e axilizará a adopción de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas cunha maior incidencia, a través da aplicación de distintas modalidades e procedementos de captura e diferenciando, por suposto, entre terreos cinexéticos (libres e xestionados por tecores) e non cinexéticos.
Por último e con relación ás accións que pode desenvolver a agrupación de cazadores de Ortegal con relación aos xabarís, a directora xeral de Patrimonio Natural informou de que precisamente a vindeira fin de semana (23 e 24 de setembro) foi autorizada pola Xunta unha medida de control solicitada por este Tecor na modalidade de dispersión con cans atrelados e sen armas. Esta acción desenvolverase no núcleo urbano de Cariño e ten como fin localizar e trasladar a estes animais fóra da zona de seguridade.